2004-12-01

DEZ RAZÕES CONTRA A CONSTITUIÇÃO EUROPEIA

Extraído do Xornal (galiza) www.xornal.com , editamos dez razões para dizer NÃO à chamada Constituição Europeia. Num dia em que no Partido Socialista Francês, os seus militantes estão a decidir, em referendo interno, qual a posição a tomar no referendo nacional.

Dez razóns contra a Constitución Europea
Francisco Martínez Hidalgo
(jueves 18 de noviembre de 2004)
Como de debater se trata, vexamos algunhas razóns polas que, na miña opinión, habería que votar non.

1- Non é unha constitución. O “Tratado polo que se constitúe unha Constitución para Europa” ten como denominación popular a de “Constitución”. Por contra, este instrumento xurídico é un “Tratado”, isto é, o acordo entre 25 representantes de Estados e de gobernos. Porqué non é unha Constitución? Sobre todo porque non hai un poder constituinte, a cidadanía europea, a sociedade civil continental non existe. Xa que de facelo, o actual sistema de elección e voto, posiblemente, sería antidemocrático. En canto non reflicte a opinión do demos europeo (aínda en construcción).

2- O texto carece de lexitimidade democrática. Non nos enganemos, que 25 señoras e señores se poñan de acordo sobre un texto non quere dicir que máis de 340 millóns tamén o estean. Aínda máis, a cidadanía é unha total descoñecedora do texto: do seu contido, implicacións, consecuencias... Isto é debido a que non houbo información unha vez aprobado e, máis importante aínda, non houbo un proceso democrático de participación e deliberación social durante a súa redacción. Por iso a abstención vai se-la gañadora en tódolos referendos que se celebren. E se a elite Europea oculta “a sabendas” o texto, a cidadanía, excluída do proceso, debe amosa-lo seu malestar democrático votando que “Non” e obrigando a reiniciar, como debe ser, todo o proceso.

3- ‘Democracia radical’ ante o ‘alarmismo interesado’. O alarmismo actual sobre as consecuencias da non aprobación do texto está mediado polos intereses daqueles interesados en que se aprobe “este” (e ningún outro) texto. As grandes empresas, os poderes económicos ou as grandes economías están moi felices de que se aprobe un texto cunha “Carta de dereitos e liberdades” moi exigua pero cun amplo e rexio marco de políticas liberalizadoras. Un exemplo do alarmismo interesado é o conflicto coa “Comisión Barroso”. A alguén se lle caeron as roupaxes por volver reinicia-lo proceso de configuración da Comisión? A cidadanía debe reivindicar un marco democrático máis xusto e democrático, máis claro e menos ambiguo, e para iso debe votar “Non”.

4- Non se reforza a democracia do Parlamento Europeo e debilítase a Comisión Europea. Con este “Tratado” o Parlamento Europeo gaña máis funcións fiscalizadoras e controladoras, pero nin gaña lexitimidade, nin gaña poder lexislativo nin gaña poder real. Que poida resultar máis molesto a certas institucións (control) non quere dicir que sexa máis útil para a cidadanía (poder lexislativo). De feito, o poder lexislativo real segue a estar nas mans dos 25 xefes de estado e de goberno. En canto á Comisión Europea, os 25 seguen a ter secuestrado o que debería se-lo goberno da UE, no canto de continuar a ser o que hoxe é, un órgano colexiado, propoñente e fiscalizado polos intereses nacionais.

5- Europa continúa cun caos gobernamental que suporá o permanente debilitamento da UE ante os USA e ante as novas potencias emerxentes (China e India). Mesmo a liberal e antieuropea revista ‘The Economist’ recoñece que o texto do “Tratado” é un caos lexislativo, que segue sen crear un modelo de goberno europeo integrado e eficaz e que está destinado a que Europa fracase nunha época histórica crucial para o noso continente. A etapa na que a “Europa dos valores” pode, unida, facer fronte tanto á potencia hexemónica norteamericana coma ás novas potencias hexemónicas. Europa debe reconstruírse dende a colaboración, o consenso, o diálogo, a participación cidadán... Non dende o escurantismo opaco e interesado duns poucos, como representa este texto e intentan os 25.

6- Na futura Comisión Europea existe un Comisario de ‘Multilingüismo’ que define as súas competencias en canto Comisario, en canto posto polo seu país de orixe (é esloveno) e en canto os instrumentos xurídicos ao seu dispor lle permiten desenvolve-lo seu traballo. Loxicamente, sen un “Tratado” que recoñeza expresamente ese plurilingüismo (só recoñece o respecto á liberdade de idioma) é un paso “imprescindible” de cara ao recoñecemento do galego e de moitas outras linguas minorizadas. E o actual texto non aporta este marco e, por tanto, tampouco unha rede de seguridade para as políticas comunitarias lesivas cos intereses de Galiza.

7- A “Carta Europea de Dereitos e Liberdades” é unha tomadura de pelo. Recoñece poucos dereitos, esquece algúns deles fundamentais e comparte un marco de aplicación cunha ambigüidade democrática e unha laxicidade socioeconómica sen precedentes en Occidente. Os poucos dereitos que recolle débense aplicar nun marco institucional onde os intereses cidadáns non están representados e onde as institucións protectoras dos dereitos e as liberdades van máis dirixidas cara ao marco da “competencia económica” có da “igualdade xurídica” dos cidadáns. A cidadanía, en consecuencia, está indefensa ante un marco claramente lesivo para os seus dereitos e liberdades.

8- Unha ausencia importante: as institucións sanitarias. Dúas terceiras partes do texto están dedicadas á economía e á organización interna da UE. Nembargantes, só unhas liñas se dedican á construcción dun marco sanitario común, á integración dos 25 países nun mesmo sistema, a homoxeneiza-los servizos e a protección. Aínda máis, non existe un recoñecemento explícito á necesidade dunha institución europea da seguridade alimentaria que unifique os estándares de calidade e vixíe que o que producimos e importamos sexa san e de calidade.

9- Outra ausencia importante: o sistema tributario. A Unión Europea é un chiringuito mentres a cidadanía non se implique de forma directa, consciente, informada. Unha forma de facelo é cambiando o sistema de financiamento da UE. Deixando que os estados sexan os financiantes e pasen a ser, directamente, os cidadáns. Pero non hai unha Europa real, non existe un ‘demos’ europeo, a opinión pública europea prefire ser mantida á marxe, a UE segue a ser unha descoñecida...

10- Contra o ‘elitismo gobernamental’ poñamos en práctica a ‘democracia social’. Os gobernos queren presentar un texto sen informarnos sobre el máis ca polos xornais. Zapatero pretende que acodamos a un referendo cunha cidadanía desinformada, despreocupada, desmobilizada, allea ó proceso de aprobación do texto do “Tratado”. É iso democracia? É iso lexitimidade? Pase o que pase, a xente non outorga importancia nin credibilidade a un texto que nace ‘morto’ pois non hai feto que o conteña. Non hai cidadanía que o recoñeza, o acepte e o defenda. Por iso un exemplo de civismo democrático é dicir “Non” ao intento de colarnos un texto que nin quixemos nunca, nin quixemos coñecer, nin aínda hoxe nolo quixeron presentar. Pechémoslle a porta á insolidariedade e ao elitismo coa mellor arma de todas. Con máis e mellor democracia.

Non ó “Tratado polo que se Constitúe unha (mal chamada) Constitución para Europa”!

1 Comments:

Blogger Unknown said...

Não há dez razões contra para não aprovar a Constituição Europeia, há milhares de razões para a chumbar!
Mas percebo porque é que a Direcção do PS recomenda a sua ratificação.
Se o Sócrates, por exemplo, se pronunciasse contra a sua ratificação não teria as menores hipóteses de continuar na vida política.
A UE não é uma democracia, nenhum político de nomeada pode fazer carreira contra ela.
Compete-nos a nós, simples cidadãos impormo-nos e dizermos com toda a força dos nossos pulmões BASTA!

9 de janeiro de 2005 às 15:47  

Enviar um comentário

<< Home